Quantcast
Channel: Criticalia » Sotelo Blanco Edicións
Viewing all articles
Browse latest Browse all 5

Tras dos espellos

$
0
0

pablorubéneyréEstes días acompañoume a lectura de A verdade nos espellos, o libro de relatos de Pablo Rubén Eyré distinguido co último Premio Vicente Risco de Creación Literaria.

Como talvez haxa quen aínda non oíse falar deste chantadino do 58, coido que ha pagar a pena dicir sequera dúas palabras da súa traxectoria para situármonos: narrador e poeta, el foi un dos fundadores da orixinal revista de información e debate Alén-Parte a primeiros dos 90. Colaborador de Dorna, vate que ten a honra de poder contemplar versos seus insculpidos no Monte Faro, é tamén persoa de referencia na vida cultural da súa bisbarra, pois foi un tempo presidente do Círculo Recreativo e Cultural de Chantada.

E, secasí, nunca ata agora vira a súa escrita reunida en libro, o que chega con este monllo de relatos que compón A verdade nos espellos.

A case trintena de contos do libro ofrecen un mosaico ben variado no que, de ter que salientar unha virtude, un quedaría co vizo innegable da súa capacidade léxica, o xenuíno dunha morfoloxía e fraseoloxía inequivocamente enraizadas, que fan dos parágrafos un festival estético que faísca en cada perla verbal.

Canto ao fondo das historias, é doado percibir as devocións que Eyré gasta, tanto entre os propios coma entre os foráneos, pois non as oculta, todo o contrario, por veces incluso as volve notorias e, cando non, xoga á homenaxe e case que á refactura. E velaí os van os Fole, Dieste, Cunqueiro, Neira Vilas, Méndez Ferrín e mesmo Suso de Toro ou Miranda. Tamén si, poño por caso, os Poe ou Lovecraft e aínda Carter. Uns e outros serven de inspiración para unhas tramas nas que a incerteza, o temor, o inesperado ou desacougante conseguen levar os personaxes a límites vitais que poñen a proba a súa capacidade de resistencia e superación.

a_verdade_nos_espellosÉ certo que nalgúns casos estes relatos remansan demais no anecdótico puro, pero tamén comparecen outros textos de maior complexidade, historias nas que a anguria medra paseniño roendo dentro e o remate deixa un resaibo agridoce que é como unha xostregada no espiñazo. É nestes onde o pulso de Eyré tempera máis fino e dá con acertos como “Esperanza”, “Asinaba que nada mudase”, “A verdade nos espellos” ou “A noite dos valentes”.

Por xunto, este billardo de prosas amosa a plasticidade na recreación dos escenarios, maioritariamente rurais ou vilegos, e a sensibilidade para a captación dun fraseo paisano e renarte, amais dun humor acedo e desenganado que resulta moi próximo e veraz ao lector.

Non hai neste A verdade nos espellos a épica dos grandes heroes. Tampouco o seu reverso de antiheroes naufragados de todas as batallas. Tan só as viravoltas imposibles do Destino por tras dos azougues, os acenos irónicos da vida que pon a un contra as cordas cando menos se pensa. E tamén moito pouso da tradición, das historias que veñen doutro tempo e deixan pegada no presente, porque o pasado é a sombra que camiña de par nosa e, ás veces, ata dediante, marcando o rumbo do que ha de vir, pois non son poucas as aparicións, premonicións e outros fenómenos pararreais que inzan nestas páxinas.

Pablo Rubén Eyré estréase con ben neste A verdade dos espellos editado por Sotelo Blanco Edicións, que o insire na súa coñecida colección Medusa e o arroupa cunha moi acaída ilustración de cuberta de Xurxo Bértola: unha árbore seca sobre un fondo lunar e espectral que anuncia o onírico e esgazador de moitas destas historias que con palabra tan sabidamente labrada nos achega o seu autor.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 13-9-2015]


Viewing all articles
Browse latest Browse all 5

Latest Images

Trending Articles


Un cielo inalcanzable


Por: Ana Quintero


Farruko Ft Mario VI - Asiento de Atras (Acapella)


Alexis & Fido - La Cama ( instrumental original )


Feria del Libro 2024 | Se inaugura el 25 de abril


ÁLEX PORTERO [11.569]


RICHARD REEVE [16.896] Poeta de Nueva Zelanda


JAVIER TABOADA [18.516]


JAVIER VELAZA FRÍAS [19.204]


AKEEM LASISI [20.214]